REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

15/12/17

Caravana pola Sanidade, desde Xove







A segunda etapa da Caravana en defensa da Sanidade Pública sairá da Praza do Concello de Xove ás 11 da mañá e rematará no Centro de Saúde de San Cibrao.

A Plataforma da Mariña animámosvos a participar.

Ás 10.45 horas en Xove!#SomosUnhaÁrea

28/11/17

Vémonos na Fontenova




O xoves 30 de novembro é o día da Concentración na defensa da Sanidade Pública.

Son varios, e de todo tipo, os colectivos que apoian esta reclamación: deportivos, educativos,sindicais, de comerciantes...E o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA tamén está aí. E fai un chamamento non só dirixido ás persoas asociadas. A convocatoria de SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro é para toda a veciñanza.
Así que xa sabedes o xoves 30 de novembro, ás 8 e media da tarde, estaremos na Vila, na Praza da Fontenova. E se a veciñanza responde, habémola encher.






21/11/17

Bailando tamén nos movemos...



E seguimos movéndonos pola Sanidade Pública. Esta vez a xente de SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO organiza un baile no  Salón do Conservatorio Profesional de Música. Dous grupos, LABRAX e AUGA MARIÑA serán os animadores desta actividade reivindicativa. O baile dará comezo ás 19:30 horas do sábado 25 de novembro.
O noso Colectivo, que apoia as reclamacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, chama á veciñanza a botar un pé nesta nova xornada polas melloras da Sanidade Pública.
Así que, bailando, tamén nos movemos.

07/11/17

Concerto da Petit Band


Segue o calendario de actividades programado por SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro. O vindeiro xoves día 9 de novembro teremos un concerto da Petit Band do Conservatorio Profesional de Música. Unha formación composta por dez músicos que dirixe o profesor Delio Represas Carrera.


Delio, iniciou a súa andaina musical dirixindo a Banda de Salceda de Caselas e a de O Rosal. Tamén dirixiu a de Santa Cruz de Ribadulla, a Coral Polifónica de Burela e a Banda Municipal de Viveiro. Foi, tamén, director da Orquestra do Festival do Landro e da Big Band do Conservatorio de Música de Viveiro.

O concerto Pola Sanidade Pública dará comezo ás oito da tarde no salón multiusos do Concello de Viveiro. 


O noso Colectivo, que fai parte da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, chama á veciñanza a este acto, un máis dos que SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro ten programado para manifestar que a nosa Comarca non quer o cambio de modelo do mapa sanitario encamiñado a centralizar as prestacións  en Lugo.



01/11/17

Somos unha Área




A Asemblea Informativa do día 30 de outubro serviu para que os colectivos con vida activa en Viveiro se achegaran até o Salón de Usos Múltiples do Concello e participaran nesta reunión que organizou SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO.
Neste acto aberto a Colectivos e veciñanza en xeral participaron, convidados polos organizadores, dous membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Adolfo Corral  e Monserrat Porteiro, que informaron sobre as situación actual pola que está a pasar o Hospital da Costa e os centros de Atención Primaria.
As máis de 200 persoas asistentes, que encheron o local do Concello, deron a súa aprobación ao calendario de actividades reivindicativas que SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO lles propuxo.

                                                               ( Fotografías de SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO)

Así, a primeira destas actividades para apoiar as reclamacións que está a facer a Plataforma vai ter, o domingo 5 de novembro, como protagonistas aos atletas que o Clube Deportivo EGOVARROS convoca para celebrar a XIX Carreira Popular Concello de Viveiro, Memorial Julián Bernal. Neste acto os deportistas participantes han facer un pequeno percorrido, ao inicio da proba, portando a faixa que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña está a mostrar nas manifestacións  concentracións e actos en moitos dos concellos da comarca.

  O noso Colectivo vai apoiar todos estas actividades e anima ás asociacións que aínda non se adheriron á Plataforma a que o fagan canto antes. As melloras na Sanidade Pública que estamos a reclamar son cousa de toda a xente.