REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

14/06/17

Unha igrexa engulipada polo mar?



A Cova de San Xoán Vello de Covas
A Cova de San Xoán Vello está na parroquia de Covas, concello de Viveiro (Lugo), onde chaman Concha ou Porto de Escourido.
Cóntase que a orixe do nome ten que ver coa aparición no lugar, unha Noite do San Xoán, dun home de cabelo e barba branca, vestido cunha túnica e cunha vara ao lombo. Se cadra, dise, o vello era o mesmísimo San Xoán, que seica estivo alí convivindo con outras xentes. Por iso se escolleu como santo padroeiro da parroquia.
Tamén se conta que desde aquela aparición non sucederon máis naufraxios naquela zona polo que a cova, ao dicir dalgúns, foi usada por moito tempo como templo dedicado ao santo patrón.
En 1738 construíuse unha nova capela e trasladouse o culto ao Coído Vello, onde, despois de varias reformas e ampliacións, aínda sigue agora a igrexa parroquial.
Conta a lenda que a igrexa do santo vello foi asolagada, engulipada polo mar da Concha, mais non a imaxe (da construción?, do santo?) que aínda se albisca reflectida sobre a auga cando a preamar das mareas máis grandes.

Unha orixe do chamado soño de San Xoán
Tamén se dá conta do motivo polo que a imaxe do San Xoán que hai na igrexa parroquial ten un lagarto no lombo. Cando o santo andaba polo deserto, mentres durmía apoiado nunha pedra, o lagarto subíuselle enriba e xa non baixou. Quen o ve di que dorme coma un anxiño.

http://www.galiciaencantada.comhttp://www.galiciaencantada.com

13/06/17

Nicolás Taboada Leal e as augas da Cova




Lembramos hoxe aquí ao viveirés Nicolás Taboada Leal. Taboada escribiu, entre outras obras, Hidrología médica de Galicia .



Nesta obra, publicada en 1887, dedícalle un capítulo á Cova do Santo Vello, na parroquia de Covas. Titúlao AGUAS DE COBA e, entre outras cousas, dí:

"Na nosa mocidade estivemos diferentes veces nesta admirábel gruta, e lembramos que naquela época aínda se conservaban restos das tres paredes, testeira e laterais do antigo templo. Entón aínda existían os ocos ou criptas nas que tiñan estado colocados os altares, e tampouco se tiñan borrado enteiramente os sinais dalgunhas pinturas, que aínda se notaban en varios puntos da caverna..."

Mais deixamos  a cousa así...Na Mesa Redonda do sábado 17, continuaremos coa historia.

12/06/17

Quen vai intervir na Mesa Redonda?


Francisco Xavier Martinez Pérez é un estudoso do tema que nos vai a informar sobre as orixes da antiga igrexa de Covas. Viveirés e actualmente arcipreste de Ortegal-As Pontes. Publicou traballos de investigación histórica, entre outras, na Revista de Estudos Mindonienses e tamén escribiu unha reseña sobre a antiga igrexa parroquial de Covas.


Manuel Miranda Ruíz, actual presidente da activa asociación MariñaPatrimonio. Miranda é un incansábel defensor do patrimonio cultural da Mariña Luguesa. Participou, xunto co presidente do noso Colectivo e membros do Goberno Municipal de Viveiro na reunión que o pasado mes de marzo tivo lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio para reclamar a protección das covas da Doncela e de San Xoán Vello.


Roberto Pena Puentes, arqueólogo e actualmente Xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.

Desde o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradecemos a colaboración de Martinez, Miranda e Pena que fan posíbel esta actividade.

Tamén agradecemos a colaboración do Concello de Viveiro e a dos membros de Protección Civil.

10/06/17

O sábado 17 de xuño Mesa Redonda na Ínsua



Xa temos data para a Mesa Redonda: o sábado 17 de xuño. 
 A actividade tería lugar, se o tempo o permite, na área etnográfica da Ínsua moi perto da cova. Na Mesa Redonda participarían o estudoso Francisco Xavier Martinez Prieto, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e  o xefe do servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio, Roberto Pena Puentes.
A actividade que titulamos “Que houbo en San Xoán Vello?” darái comezo ás 18:30 horas. Unha hora máis tarde, ás 19:30 está programada a visita guíada á cova.


08/06/17

Que houbo en San Xoán Vello?



                                                                                                  Fotografía: M. Miranda


O pasado mes de marzo o presidente do noso Colectivo e membros da directiva de Mariña Patrimonio, acompañados por María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, e polo  tenente de alcalde Suso Fernández estiveron na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza interesándose pola protección das covas de San Xoán Vello e da Doncela.
Daquela era a nosa intención complementar estas xestións coa divulgación do pasado destes sitios. Así que, agora, estamos a programar un acto público e unha visita guiada á Cova do Santo Vello. No acto participarían o estudoso Francisco Xavier Martinez Prieto, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e un arqueólogo.
Axiña concretaremos data e lugar. 



29/05/17

Conversa con Manuel López

A editorial Embora organizou en decembro do pasado ano, en Ferrol, a presentación de Tres balas. Hai uns días o clube de lectura da libraría Bahía, en Foz, programou unha das súas sesións para conversar co autor arredor desta novela curta e agora  a libraría Porta da Vila  organiza esta presentación en Viveiro.



O autor, Manuel López, Manolo de Lar, nado en 1956 en Catarou, na parroquia viveiresa de Galdo, impresor e  tamén autor do libro Camiños de escuma e vento (2013),  achega agora aos seus conveciños a súa  primeira ficción novelada.


O libro de Manuel López conta con ilustracións doutro viveirés, Xosé L. Neira Brochs.