REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

10/06/17

O sábado 17 de xuño Mesa Redonda na Ínsua



Xa temos data para a Mesa Redonda: o sábado 17 de xuño. 
 A actividade tería lugar, se o tempo o permite, na área etnográfica da Ínsua moi perto da cova. Na Mesa Redonda participarían o estudoso Francisco Xavier Martinez Prieto, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e  o xefe do servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio, Roberto Pena Puentes.
A actividade que titulamos “Que houbo en San Xoán Vello?” darái comezo ás 18:30 horas. Unha hora máis tarde, ás 19:30 está programada a visita guíada á cova.


08/06/17

Que houbo en San Xoán Vello?



                                                                                                  Fotografía: M. Miranda


O pasado mes de marzo o presidente do noso Colectivo e membros da directiva de Mariña Patrimonio, acompañados por María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, e polo  tenente de alcalde Suso Fernández estiveron na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza interesándose pola protección das covas de San Xoán Vello e da Doncela.
Daquela era a nosa intención complementar estas xestións coa divulgación do pasado destes sitios. Así que, agora, estamos a programar un acto público e unha visita guiada á Cova do Santo Vello. No acto participarían o estudoso Francisco Xavier Martinez Prieto, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e un arqueólogo.
Axiña concretaremos data e lugar. 



29/05/17

Conversa con Manuel López

A editorial Embora organizou en decembro do pasado ano, en Ferrol, a presentación de Tres balas. Hai uns días o clube de lectura da libraría Bahía, en Foz, programou unha das súas sesións para conversar co autor arredor desta novela curta e agora  a libraría Porta da Vila  organiza esta presentación en Viveiro.



O autor, Manuel López, Manolo de Lar, nado en 1956 en Catarou, na parroquia viveiresa de Galdo, impresor e  tamén autor do libro Camiños de escuma e vento (2013),  achega agora aos seus conveciños a súa  primeira ficción novelada.


O libro de Manuel López conta con ilustracións doutro viveirés, Xosé L. Neira Brochs.


28/05/17

O meu país é verde, neboento...


O concerto didáctico co que onte nos agasallou SondeNós vai ficar durante moito tempo na memoria das persoas que enchimos o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.



Alí, entre outras pezas soou O meu país, a "fantasía ou recreación--así a presentou o director Plácido Travieso--desde o respecto, desta fermosa melodía de Miro Casabella" co texto de Xoán Manuel Casado.
E, como se pode comprobar na fotografía, tivemos un dobre agasallo: o partillar este concerto co cantautor Miro Casabella.


Neste concerto, por indicación do director de SondeNós--profesor do Conservatorio de Viveiro--cambiamos a disposición do cenario. E a verdade todo ficou moito ben.


Grazas a SondeNós por este fermoso agasallo de Música e Lingua, por esta Identidade.