REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

21/04/16

Un agasallo do fotógrafo Paco López


Hoxe o agasallo vén da man do fotógrafo Paco López.:"A fervenza de Xunqueira". Publicámola para vos animar a participar neste primeiro roteiro das "Camiñadas polas Terras de Viveiro". Sairemos o domingo 24 de abril, ás 10 da mañá, desde a esplanada de Verxeis. Faremos o primeiro tramo do paseo fluvial até o muiño das Aceas, unha breve paradiña no Mosteiro de Valdeflores e xa seguiremos pola beira do Fontecova até a capela da Sarna.
A volta será por Magazos, onde arredor das 14 horas xuntaranse--as persoas que se anoten--para dar conta duns petiscos...
Para se inscribir: neste nº 616 09 45 52 ou no noso correo:
pensamentoesementeira@gmail.com

16/04/16

O 24: o roteiro dos muiños do Fontevova



O noso colectivo  abre o domingo 24 de abril o  programa “Camiñadas polas terras de Viveiro” coa rota dos muiños do Fontecova.
A xornada dará comezo ás 10 da mañá na esplanada de Verxeis. As persoas participantes farán o primeiro tramo do paseo fluvial do río Landro. A primeira parada será no muiño das Aceas para deseguido continuar até o Convento  de Valdeflores. A rota dos muiños seguindo o regato Fontecova chegará até a capela da Sarna. A volta será por Fontecova até a Ruanova, en Magazos, onde  os camiñantes repoñerán forzas cuns petiscos.
Para  participar nesta actividade, que terá un percorrido aproximado de 9 quilómetros, hai que se anotar chamando ao 616 09 45 52, antes do venres 22. 

O colectivo viveirés  ten programado  catro camiñadas máis: “De Valcarría ao Pozo da Ferida”, “Subida ao monte Castelo”, “Suegos e Punta Socastro” e o Roteiro “Polas Covas de Covas “( A de San Xoán vello e a da Doncela ).


13/04/16

Camiñadas polas terras de Viveiro

O domingo 24 de abril damos comezo ás "Camiñadas polas terras de Viveiro". Faremos o roteiro dos Muiños do río Fontecova saíndo desde Verxeis . Pasaremos polo muiño das Aceas, Convento de Valdeflores, Capela da Sarna...e faremos unha paradiña en Magazos con algunha sorpresa.
Atención ao programa!

08/04/16

Viveiro de poemas







O  noso Colectivo  está a organizar un recital con poemas de Manuel María Fernández Teixeiro, escritor ao que este ano se lle dedica o día das Letras. O acto, de formato semellante ao realizado hai dous anos con poemas de Rosalía de Castro, contará coa participación dunha ducia de persoas: 
- X. M. Vázquez “Leman”, empresario da Hostelaría,
- Suso Fernández, concelleiro de Facenda, 
-Alba Fernández Jimenez, do colectivo ASPANANE,
- Andrés Díaz, práctico de Porto en Celeiro,
-Patricia Álvarez, panadeira,
- Moncho Bermúdez, músico,
- Flor Chao do colectivo Fraga das Saímas,
-Teresa Penabad, presidenta da Coral ALBORADA,
- Adrián Ben, atleta,
- Xoel Eijo, estudante,
- Margaret Licklider, lectora de inglés
- e Cristina L. Felipe, xornalista.

No recital que será de entrada libre até completar o aforo do salón do Conservatorio Profesional de Música de Música proxectaranse tamén vídeos e  o acto pecharase coa actuación musical dun Coro que estreará unha peza musicada do poeta da Terra Cha.


04/04/16

NON LLES PUXERON O SANTO...

Pois non, non lles puxeron o santo... mais a xentiña ficou "santificada" con esta camiñada pola contorna de Santo Estevo.
Fermosa paraxe, xantar con sorpresa na sobremesa e traxecto de volta con canciós e moito humor. Agradecementos :
A Ramón, que fixo de guía;
a Marqués, pola sobremesa queimada;
a Luisa polo humor co que nos agasallou no autobús ,na viaxe de volta;
a todas as persoas que participaron na camiñada.
E a seguir.  Axiña daremos conta dunha nova programación de Camiñadas.

( Se queredes ver as fotografías de Pedro Michelena, o enlace é este:

https://www.flickr.com/photos/34708679@N04/albums/72157660990959635

30/03/16

Camiñata pola contorna de Santo Estevo do Ermo


Camiñata pola contorna de Santo Estevo do Ermo

domingo 3 de abril de 2016

-9 horas: saída desde a O. de Turismo de Viveiro, en autobús. (Servizo gratuíto)
-10 horas: Barreiros. Comezo da camiñata. ( 9 quilómetros)
               Guiada por membros da A. Cultural Irmandade Santo Estevo
-14.30 horas: Xantar en Barreiros ( 10 euros ) ( Hai que se anotar previamente )
-18 horas: Regreso a Viveiro

INSCRICIÓNS: 

Teléfono nº: 616 094 552
pensamentoesementeira@gmail.com

Organiza:
Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA

Colabora:
Concello de Viveiro

26/03/16

Aberta a inscrición

Temos aberta a inscrición para a actividade que inicia a nosa programación de Primavera o domingo 3 de abril.
Trátase dunha Camiñada pola contorna de Santo Estevo do Ermo que vai estar guiada por membros da Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo.
Para nos desprazar até a localidade de Barreiros teremos un autobús de 50 prazas, gratuíto.
Tamén se poderá participar nun xantar colectivo, en Barreiros, que vai ter un custe de 10 euros.
O número de teléfono para as inscricións é o do Colectivo: 616 094 552.
Pode pasar como na última "Camiñada...". Houbo xente que ficou sen praza no autobús.É por iso polo que, se tendes pensado participar, antotádevos canto antes.

 A fermosa fotografía é de Sole Felloza



19/03/16

Abrimos a nova programación nunha fervenza

Así é. Nunha fervenza e en Santo Estevo do Ermo (Barreiros) abrimos este ano a Programación PRIMAVERA 16.



Á excursión, aberta e gratuita, será o domingo 3 de abril. Un autobús, que sairá desde a oficina de turismo de Viveiro  o primeiro domingo de abril ás 9 da mañá, achegará ás persoas participantes a Barreiros. Desde esta localidade mariñana os excursionistas percorreremos a pé e guiados por membros da asociación cultural Irmandade Santo Estevo a fermosa paraxe da fonte de Augas Santas e visitaremos os restos da ermida, a fervenza e a fonte de Santa Rosa.
Ao rematarmos o percorrido a pé, que supón arredor dos 9 quilómetros, as persoas participantes poderemos xantar  en Barreiros para voltar arredor das 6 da tarde a Viveiro.

O  noso colectivo programará ademais varias sesións de cineclube en abril; en maio o espectáculo“PENDANCA E OSO”, de Lucía Aldao e María Lado e tamén estmos a organizar un recital cos versos de Manuel María que protagonizarán unha ducia de veciños de Viveiro para celebrar así o día das Letras deste ano.

A Xunta Directiva