REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

27/01/17

As abusivas cláusulas chan



Este vai ser o noso primeiro acto deste 2017.
Despois de celebrada en xaneiro a Asemblea ordinaria do Colectivo onde falaremos da programación para o primeiro semestre, este acto informativo arredor das abusivas cláusulas chan abrirá as actividades de 2017.
O avogado Patricio Viveiro estará na Sala da planta baixa da Biblioteca Municipal para informar arredor deste asunto que--supomos--afecta á veciñanza que está a soportar hipotecas bancarias.
Por se é do voso interese reproducimos aquí a entrevista publicada en La Voz de A Mariña (La Voz de Galicia) con Patricio Viveiro.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2017/01/20/marina-levase-palma-afectados-polas-clausulas-chan-hai-maior-numero/0003_201701X20C6999.htm

13/10/16





Hai algo máis de ano e medio--en febreiro de 2015-- o noso Colectivo organizou un debate arredor das posíbeis intervencións no areal de Covas. Desde aquela as institucións responsábeis--Costas e Portos-- nada teñen feito para rexenerar este areal. Só a veciñanza se ten mobilizado seguindo os chamamentos do colectivo "Salvar a praia de Covas". No mes de xullo pasado organizaron unha cadea humana no areal, tamén teñen colocando cartaces e faixas nos comercios e rúas e agora convocan unha orixinal protesta: a simulación do trafego da area do Cembedo aos Castelos que algúns prometeron que iba dar comezo o pasado mes de setembro.
PENSAMENTO E SEMENTEIRA apoia esta nova mobilización e anima a participar nesta actividade que convoca o colectivo veciñal "Salvar a Praia de Covas"

13/07/16

ALGAS. A esencia dos nosos mares







O noso colectivo colabora unha vez máis coa  coa Asociación NORDÉS.E aquí vos deixamos a súa proposta:


Hoxe traémosvos o peche dun ciclo adicado ao mundo das algas. Nesta terceira edición, na praia de San Román (O Vicedo), damos por finalizado o noso achegamento á esencia do mar para que cada un encamiñe a súa propia relación con este gran produto das nosas costas.
As algas presentáronse coma "un mundo por descubrir" na nosa primeira toma de contacto, fai xa dous anos na praia da Ribeira do Carro (Loiba). Con José Antonio Canoura aprendimos os tipos, os usos e a tradición que existía detrás da súa recollida. Co tempo, entendimos o seu valor culinario e achegámonos a disfrutar o produto directamente do mar gracias á empresa conserveira "Mar de Ardora" (Ortigueira). E, logo de entender a súa importancia nos mares e no noso prato, chega o momento de cambiar de aires, seguir o vento do noroeste cara San Román e recoller a tradición que alí tamén existiu.
Por iso, o sábado 23 de xullo, contaremos coa empresa Mar de Ardora para falarnos sobre este mundo, descoñecido aínda para moitos. Nordés agardavos para escoitalos dende as 11 da mañá no "Restaurante de Areagrande" (San Román). Logo, camiñaremos polo areal ata achegarnos á zona onde proliferan as algas e poderemos ver, tocar e poñer en práctica o dito durante a charla.
Chegados a este punto, só nos queda outra forma de acercarnos ás algas: a degustación! No Chiringuito "Abrela" teñen preparado un menú con algas para todos nós, por 20€/persoa: pizza de cogumelos con algas, risotto de azafrán e gambas con alga nori e salpicón de merluza con vinagreta de espaguete de mar, máis o postre, as bebidas e o café.
Nordés tamén pensou naquela xente que non se pode achegar pola mañá á actividade ou á degustación! E que vos propoñemos? Unha ruta de pinchos con algas, de balde, nos seguintes locais, dende as 8 da noite: "Chiringuito Abrela" (praia da Abrela), o "Café-bar Alba" (O Folgueiro), o "Restaurante Casa Fanego" (San Román) e o "Restaurante Areagrande" (San Román). Máis adiante informarémosvos do nome de cada pincho/tapa.
Nesta actividade temos un tope de 60 persoas para a comida, polo que si vos interesa, apuntádevos axiña a través do 653756454 (Ricardo) ou en asociacion.nordes@gmail.com. Podedes usar tamén estas vías para recibir máis información da xornada. Faremos a inscrición por orde temporal ata agotar as prazas. Día último de inscripción: 20 de xullo.

Queremos agradecer a colaboración a "Mar de Ardora", a todos os negocios de restauración do cartel e ao "colectivo Pensamento e Sementeira" de Viveiro, que nos acompañarán nesta xornada.

20/06/16

As fotos do roteiro polas Covas


                                                                                                                Foto: PeS



O amigo Pedro Michelena xa colgou as súas fermosas fotografías que fixo na última das camiñadas.
Pódense ver neste enlace:


ROTEIRO DAS COVAS E FUCIÑO DO PORCO

06/06/16

Pedro Michelena no Castelo de San Martiño


                                                                                                                      Foto: PeS

O pasado domingo 29 de maio a nosa camiñada ("De Guistilán ao Castelo de San Martiño" ) coincidiu coa festa que a veciñanza de Landrove celebra arredor da capeliña de San Martiño. O amigo Pedro Michelena que facía parte do noso grupo fixo unha completa reportaxe fotográfica que podedes ver neste enlace:

https://www.flickr.com/photos/34708679@N04/sets/72157667990875260

Entramos nas covas de Covas


E así rematamos as "Camiñadas polas Terras de Viveiro". Primeiro baixamos á Cova de San Xoán Vello e despois entramos na dos Encantos ou da Doncela.
Máis tarde coa camiñada desde o areal da Abrela até o Fuciño do Porco, completamos o programa. Agora xa estamos pensando na vindeira primavera. Haberá  novos roteiros, asi que...atentos ao programa.

03/06/16

Unha receita para entender o do Fociño de Porco

Segundo Fernando Cabeza Quiles en "Os nomes de lugar" (E. Xerais, Vigo, 1992):

"Pensamos que o topónimo Rostro provén do vocabulo latino rostrum, derivado de rodere, "roer" ...Rostrum significaba "pico de ave, morro, fuciño" e, en xeral calquera obxecto con forma de saínte ou pico, valores semánticos idóneos para aplicar a cabos ou saíntes abruptos da costa, o que parece que sucedeu co topónimo que nos ocupa"
"O topónimo rostro, hoxe sinónimo de cara, debeu acadar ese significado en épocas posteriores ao latín por un proceso de tomar a parte, neste caso fuciño ou morro, polo todo, cara.
E conclue Cabeza Quiles:

"Topónimo do mesmo significado dos anteriores, con referencia metafórica ao fuciño, rostro ou morro, é o de Fuciños e Fuciño de/do Porco. Así, todos os referidos a cabos ou saíntes marítimos, Fuciño de/do Porco é o nome dunha punta do concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra); Fuciños, outra punta moi avanzada situada ao oeste da península de Cabo de Cruz, Boiro (A Coruña);e Fuciño de/do Porco, un cabo litoral situado na ría de Viveiro".

01/06/16

A cova dos Encantos ou da Doncela

                                                                                                               Foto: DaniKXT







Escribe Donapetry:
"Na abrutpta vertente dunha pena que avanza cara o mar, na parroquia de San Xoán de Covas, atópase a cova da Doncela ou dos Encantos; a fantasía popular localiza nesta caverna  unha interesante lenda, que semella ideada por antigos contrabandistas, co fin de alonxar ás xentes daquel lugar e poder ocultar con maior seguridade os seus alixos;supón nela encantada a unha fermosísima doncela, de loira cabeleira e brancas vestiduras, que ao romper a alba, na mañá de San Xoán, baixa do acantilado para bañar o seu airoso corpo e desenredar os seus abundantes e sedosos cabelos cun pente de ouro e brillantes"
 

O domingo, outra camiñada


31/05/16

Das covas de Covas...


O domingo 5 de xuño rematamos as "Camiñadas polas Terras de Viveiro" co roteiro:"Das covas de Covas ao Fociño do Porco".
Iniciaremos a camiñada na Área Etnográfica da Ínsua. Desde alí baixaremos á cova de San Xoán Vello.
Desta cova, J. Basoa Rodríguez ten escrito no libro-programa das Festas de Covas do ano 2012, o seguinte:

"Pero o máis salientable daquela Igrexa chamábase e así se di “Fuente de San Juan”, o que nos amosa que era verdade o que sempre se dixo que nela nacía un manantío. De esa fonte en 1708 cítanse os dous reais da compostura das escadas e da porta que conducían a ela . Ubicada, polo tanto nunha especie de pequena gruta que lle tería dado nome a un lugar ateigado de covas en cada recuncho da costa (cova Alta, cova do Pan, cova das Mazás, cova de Sobrado, cova das amoreiras, cova de Piedra Llana, cova do Cargadoiro, … ).
Temos polo tanto, unha humilde Igrexa nun adro de castiñeiros e cunha estimada fonte do Santo. ¿Que aconteceu para que en menos de 50 anos desde ter acometido esta importante obra de amaño houbese que abandoala e dar a mesma por arruinada?"
 

A RUINA DA ANTIGA IGREXA DE COVAS
 

A primeiros dos anos oitenta D. Antonino enviou os antigos libros parroquiais de Covas a Mondoñedo, pero quedaron marcadas páxinas con papeis separadores, calendarios perpetuos, e mesmo poemas nas páxinas máis destacadas en información. Podemos mesmo dicir que ao traballar os libros facemos unha lectura guiada dos mesmos. Así acontece co libro II de Fábrica de Covas, o 16 de outono de 1731 recóllese que “caió la Iglesia”. E cóntase o seguinte:
“la Iglesia parroquial de esta feligresía se alla arruinada y en sitio incapaz para su permanencia por estar sobre un peñasco elevado inmediato al mar”…
Na cartografía de 1787 , cítanse as dúas baterías con cañóns que se ubicaban na entrada da ría de Viveiro no lado de Faro e na beira contraria de Covas. As antigas Igrexas de Faro (conservada na actualidade) e a antiga de Covas, ubicábanse pola altura aproximada de entrada da ría destas baterías de defensa que sabemos que operaron cando a invasión francesa. Dalgún xeito ambas Igrexas tiñan unha ubicación estratéxica que dominaba a ría de Viveiro en ambas marxes do seu acceso. A postal da Igrexa de Covas nesa ubicación tivo que ser fermosa, pero tivo o infortunio de ubicarse excesivamente preto do mar e do espazo da súa erosión.
Logo dise que:
“cuias aguas le vienen carcomiendo y a peligro de desmoronarse con la continuación por ser costa mui brava, y allarse asi mismo muy umeda acausa de una fuente que naze dentro sin que pueda conservarse en ella el sacramento, y ornatos y mas alaxas, …”
A fonte nacía no interior da propia Igrexa o que nos leva a pensar nunha ubicación telúrica, de crenza máxica do propio templo, que responde as máis antigas tradicións, mesmo previas ó propio cristianismo. A fonte tería, sen dúbida adquirido un sentido á luz do Santo e do feito bautismal que apunta claramente ó ministerio do propio Xoán Bautista.
“… y espuesta a algún asalto de los enemigos de la fe católica y aquella ultragen y estar prohibidos por constitución sinodal de este obispado que no se tenga el santísimo en yglesias semexantes, y no poder hacerse las funciones de procesiones, y otras con la decencia que se debe ni la prompta administración de sacramentos por la incomodidad del sitio…”
Deberán ser os propios veciños, segundo se ordena, quenes decidirán un novo lugar convinte para reubicar a Igrexa. Non tivo que resultar doado para os poboadores de Escourido deixar de ter a Igrexa tan preto e permitir que o templo se lles escapara para a nova ubicación, pero non quedou outra. O lugar polo que se optou para o novo templo (o actual), estaba, por outra banda, moi preto da Capela da Concepción do Pazo de Grallal, o que unía entre sí moito os lugares de culto parroquial e facilitaría as cousas aos sacerdotes librándoos dos perigos dos camiños que levaban ata a Insua.
A Igrexa mindoniense mandou prontamente clausura da arruinada Igrexa ante o perigo que conlevaba. A súa imaxinería e os seus santos -entre eles o pequeno San Xoán, a actual cruz parroquial, as alaxas, vestiduras,…-, comezaron unha viaxe ata unha capela situada na Rega segundo a memoria das xentes, ainda que non figura citada na documentación consultada, na que so se sabe que era unha “capela”. 




29/05/16

A exposición e o roteiro

Desde as 10 e media da mañá estivo aberta nos xardíns de Noriega Varela a exposición itinerante.


A veciñanza achegouse á mostra que ORA GALEGA está a dar a coñecer por todo o país.

Pola tarde, ás 17 horas partiu desde a Praza Maior o Roteiro das Irmandades organizado polo colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA e guiado polo noso Presidente Francisco Luís Rodríguez Guerreiro. Neste punto e fronte á antiga casa consistorial houbo unha lembranza para os irmaos da fala que na altura do ano 23 facían parte da I.N.G.: Ramón Vilar Ponte, César Parapar Sueiras, Vicente Trasancos, Manuel Antonio Méndez, Arturo López Trasancos, Xosé Sampedro Galdo, Acacio Vázquez, Esteban García, Eduardo López, Xosé Meitín e Esteban Almoina. 
Tamén se lembrou ao alcalde Balbino Cerdeiras e aos concelleiros do Partido Galeguista que  nos anos trinta defenderon no Concello de Viveiro o ideario das Irmandades, ideas polos que deron a vida.


O roteiro contou coa colaboración do grupo "Non cho digo" que acompañaron coa súa música aos participantes nesta actividade.


 

Diante do edifico do antigo Concello o músico David Bellas agasallounos coa interpretación ( co saxofón ) do noso Hino. 





Os actores Pepe Penabade ("Volta e Dálle" ) e Gabriel ("Os Quinquilláns") falaron diante do Teatro Pastor Díaz--Teatro Nemensio, na época das Irmandades--do Conservatorio Nacional da Arte Galega,  de Charlón e Hermidade, do teatro de  Antón Vilar Ponte...


Outra das paradas deste Roteiro foi na rúa Pastor Díaz fronte ao edificio número 58. Alí, na casa natal dos irmáns Vilar Ponte a "Ensemble de Vento" da Banda de Música de Viveiro interpretou á "Alborada de Veiga".



E por último, foi Paula Naval Parapar, unha nosa conveciña, neta de César Parapar Sueiras, irmao da fala, fusilado cando tiña 35 anos, en Lugo en 1936 a que nos lembrou na Travesía da Marina--na época das Irmandades, Avenida Canalejas--onde o seu avó tivo un comercio de construción e saneamento que César "só un mozo toma partido e co resto dos irmandiños mariñaos intégrase na Irmandade Nacionalista Galega, ficando Viveiro como única localidade con afiliación nacionalista nas comarcas de Lugo".



O Colectivo agradece a participación e a colaboración de músicos, actores e  a de Paula Naval Parapar neste Roteiro das Irmandades que PENSAMENTO E SEMENTEIRA organizou para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala.

24/05/16

Roteiro das Irmandades



ROTEIRO  DAS IRMANDADES

Domingo 29 de maio de 2016, ás 17 horas desde a  Praza Maior

Roteiro pola vila de Viveiro para coñecer espazos e protagonistas

7 espazos para resumir a pegada das Irmandades  en Viveiro:

1.-Praza Maior (Antiga Casa Consistorial )
2.-Rúa Constanza de Castro ( Teatro Pastor Díaz )
3.-Rúa Irmáns Vilar Ponte ( Antigo local da A.C. Sementeira )
4.-Rúa Pastor Díaz:( Casa natal de Nicomedes Pastor )
5.-Rúa Pastor Díaz: (Casa natal dos irmáns Vilar Ponte )
6.-Travesía da Marina (Lembranza de César Parapar Sueiras )
7.-Para rematar nos Xardíns de Noriega Varela onde estará o bus coa exposición itinerante.

( Guía o Roteiro Francisco Luís Rodríguez Guerreiro presidente do Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA).


1. Comezamos este roteiro na Praza Maior de Viveiro fronte a fachada da antiga casa Consistorial  onde actuará o músico David Bellas interpretando unha peza co saxofón. Desde este punto sairemos co acompañamento musical do cuarteto “Non cho digo”.

2. Imos logo a rúa Constanza de Castro, onde está o Teatro Pastor Díaz ( antes Teatro Nemesio ). Aquí o actor Pepe Penabade da compañía “Volta e Dalle” , lerá un breve texto lembrando o teatro na época das Irmandades.

3.- Na rúa Irmáns Vilar Ponte paramos diante do edificio onde nos anos 70 estivo o local da Agrupación Cultural Sementeira.

4.- Rúa Pastor Díaz. Casa natal de Nicomedes Pastor.

5. Na rúa  e  fronte á casa natal dos Vilar Ponte o grupo “Ensemble de Vento da Banda de Música de Viveiro” interpretará a “Alborada de Veiga”.

6.-Na Travesía da Marina, onde rexentou un comercio  César Parapar Sueiras,  unha neta deste home das Irmandades, Paula Naval Parapar, lembrará ao seu avó.

7.- Para rematar nos Xardíns Noriega Varela onde, desde as 11 da mañá até as 8 da tarde, estará o bus coa exposición itinerante que se poderá visitar.
Organiza:
Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA
Colabora:
Concello de Viveiro


20/05/16

En Viveiro, o domingo 29 de maio



Que é iFala?

No ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político da Galiza. A comezos dese ano lanzábase a idea de constituír unha asociación cuxo primeiro nome, suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte, respondía á denominación de Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois, o dia 18 de maio, na Real Academia Galega, fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala, a cal, en moi pouco tempo, pasou a se coñecer como as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.
Agora, ao se cumpriren 100 anos daquel acontecemento, a iniciativa ORA GALEGA desexa conmemorar ese centenario cunha Volta pola Irmandade. Unha exposición itinerante que leva o nome de iFala, en homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos traballaron para incrementar a nosa autoestima, para defender a lingua, a cultura e a identidade galegas, para conseguir a igualdade de dereitos para a muller e para atinxir a soberanía estética, cultural e política da Galiza.

19/05/16

Por que hai tantos penedos no Castelo de San Martiño?



En http://www.galiciaencantada.com/  temos a resposta cando fala de "San Martiño e San Roque de Viveiro":




"A capela de San Martiño está no monte Castelo, parroquia de Landrove, concello de Viveiro (Lugo); de por alí arrinca un túnel que disque chega ata Bravos. A capela está rodeada de penedos, algúns con cazoletas de diferentes formas. A auga que apoza nelas úsase para as dores dos oídos, dos ollos e para os males da cabeza. Fáiselle romaría o domingo anterior ao luns de Pascua, así que a festa varía entre o 10 de maio e o 13 de xuño.
A capela de san Roque sitúase no monte do mesmo nome nas proximidades de Viveiro (Lugo) e ténselle festa o 16 de agosto. Este santo foi beneficioso contra as pestes que afectaron a Viveiro e comarca no século XVI, e mesmo se asegura que a imaxe do santo se apareceu nunha cova próxima á capela.
En certa ocasión San Roque e San Martiño tiveron unha discusión e cada santo marchou para o seu monte. Mais non acabou aí a lea.
Desque chegaron cada un ao seu outeiro, San Roque comezou a tirarlle pedras a San Martiño pero non lle atinaba. San Martiño burlábase da mala puntería de San Roque e este enrabechouse tanto que lle tirou todas as pedras que había no seu monte. Non deixou unha.
Por iso é que o monte de San Roque non ten unha soa pedra e, en cambio, o de San Martiño de Castelo, non ten onde poñerlle máis".




( JANEIRO RODRÍGUEZ. Francisco J., Romarías e santuarios da comarca de Viveiro, Concello de Viveiro e Deputación Provincial de Lugo, 2000.)





18/05/16

Domigo 22: Castelo de San Martiño

                                                                                                  Foto: Pedro Michelena

O domingo 22 de maio faremos o terceiro dos roteiros. Sairemos ás 10 da mañá do Polígono Industrial para subir ao Monte Castelo.
Para se inscribir: 616 094 552 ou enviando un correo a pensamentoesementeira@gmail.com

Sinalización !


                                                                                                                      Foto: PeS


Como xa deixamos escrito neste mesmo blogue,  cando rematemos as "Camiñadas polas Terras de Viveiro" habemos enviar ao Concello  unhas cantas reivindicacións. Unha delas vai ser, sen dúbida, que se sinalice adecuadamente o roteiro do Pozo da Ferida. Na última das "Camiñadas..." comprobamos que a pouca que existe está moi deteriorada.
Tamén habemos solicitar que se adecente o camiño que pola marxe dereita do  río Xudreiro nos debería levar doadamente até o Pozo da Ferida. Está este camiño no máis absoluto abandono, cuberto pola maleza e cheo de carrachas.
Non se entende moi ben que existan sinais na estrada Lugo-Cabreiros que informan da existencia desta fermosa paraxe e que unha vez iniciado o  camiño que nos debería levar ao Pozo a sinalización desapareza...
En fín, o desleixo, a indolencia, a desfeita, a ruína...



                                                                                                                       Foto: PeS

Aínda así esta é unha das Camiñadas que paga a pena facer. E máis nesta época na que o Loureiro ou Xudreiro leva moita auga.

Deixaremos para outra ocasión unha excursión na que deberíamos profundar arredor da Vila dos Ferreiros de San Xoán da Aguieira que, como nos conta Fernández Llano "debeu ser un grande complexo industrial no seu tempo". Sería interesante indagar por estas paraxes da fraga da Aguieira sobre a existencia dos restos da ermida de San Xoán e tamén --como escribe Fernández Llano--dun "Porto Madeiro, desde onde partían en barca os materiais fabricados polos ferreiros "polo Xudreiro abaixo até o Landro" para chegar a Viveiro.

                                                                                                                       Foto: PeS

15/05/16

Domigo 22: "De Guistilán ao Castelo de San Martiño"


Na fotografía,  unha  parte dos camiñantes  que desde Valcarría chegaron até a fermosa paraxe do Pozo da Ferida. 
E xa teñen outra cita:

O domingo 22 de maio: "De Guistilán ao Castelo de San Martiño"


09/05/16

De Valcarría ao Pozo da Ferida


                                                                                                                Foto: Rafa Rivera

O vindeiro domingo 15 de maio continuamos coas "Camiñadas polas Terras de Viveiro". Esta segunda camiñada, "De Valcarría ao Pozo da Ferida" vaise iniciar ás 10 da mañá desde o adro da igrexa de Valcarría. Faremos arredor de 8 quilómetros, en total. E se vos anotades, como na Camiñada anterior, teremos preparados uns petiscos para as dúas da tarde.

Para se inscribir:
pensamentoesementeira@gmail.com 
ou chamando a este  nº de teléfono 
616 094 552

08/05/16

“PENDANCA E OSO, un espectáculo aldaolado sobre o amor”


Este vídeo non é do espectáculo...mais publicámolo para que vos vaiades ambientando. O do xoves vai ser:


“PENDANCA E OSO,
un espectáculo aldaolado sobre o amor”

"Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanca e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade"

XOVES 12 DE MAIO DE 2016
TEATRO PASTOR DÍAZ
20:30 HORAS