REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

28/12/13

HOMENAXE A MIRO CASABELLA




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA vai propor ás asociacións culturais e ás institucións da Mariña a celebración dunha homenaxe ao músico Miro Casabella. Consideramos que o percorrido artístico do compositor e cantante do Valadouro, comprometido desde os anos sesenta coa cultura e co idioma galego, ben merece a gratitude dos mariñaos.

Coa  finalidade de organizar esta homenaxe o noso colectivo convocará nos vindeiros días ás asociacións culturais e veciñais; aos músicos, artistas plásticos e escritores  e a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar no Valadouro o sábado 11 de xaneiro. Tamén  solicitará  apoio económico  aos Concellos e á Deputación xa que, de contar coa cooperación destas institucións, poderían participar músicos cos que Miro Casabella tivo relación ao longo da súa traxectoria artística.

12/12/13

Así nos surprendeu David Bellas


Así nos surprendeu David Bellas.
Hoxe colgamos  aquí os tres pequenos vídeos realizados polo amigo Abella.
Agradecementos a David Bellas, a Sara Otero e á actriz Lara Noriega.
Foron catro "Xoves Músicais", moi variados e con calidade.
Volveremos con máis "xoves musicais" no 2014.




Lara Noriega con David Bellas

David Bellas con Sara Otero

02/12/13

"OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE"


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA pecha a súa programación de outono con esta representación teatral. Comezamos a nosa actividade de outono o pasado mes de outubro coas proxeccións das películas do festival Amal-2012, seguimos cos "Xoves Musicais" do mes de novembro, informamos sobre a importancia económica da actividade pesqueira en Galiza coa interesante intervención da doutora Mª do Carme García Negro, abrimos a exposición "Represaliados" do pintor Celso Dourado coas músicas de Vadim  Yukhnevich e o sábado 7 de decembro programamos a obra de Alfonso D. Rodíguez Castelao que estará a cargo do grupo "Ollomao" e diirixida por Comba Campoy e Ramón Casas.
Tamén temos que dicer que seguimos a medrar e xa somos máis asociados, que estamos a preparar un local social no casco vello de Viveiro, que andamos ás voltas coa programación do 2014, ( con máis cine, máis debates )...
Terémosvos informados. Mentras tanto, ollo á data: o 7 de decembro..."Os vellos non deben de namorarse".


REPRESALIADOS

Este sábado 30 de novembro abrimos en Viveiro a exposición "REPRESALIADOS" ( Na lembranza do comandante Moreno ), do pintor Celso Dourado. O acto de inauguración terá lugar ás 19 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior e nel, ademais do pintor intervirá o músico bielorruso Vadim Yukhnevich.
A mostra estará aberta ao público na primeira quincena do mes de decembro, de 19  a 20:30 horas.



Agora sabemos algo máis sobre a importancia económica da pesca...

A profesora Mª do Carme García Negro iniciou a súa intervención no acto informativo organizado polo noso Colectivo lembrando a súa colaboración coa antiga agrupación cultural Sementeira, no ano 1976. Pasou despois a fornecernos de datos que explican a importancia económica da actividade pesqueira na nosa comarca e en Galiza. “Ás veces, os datos publicados polos economistas minimizan o  importante impacto que ten a actividade pesqueira no noso país porque non teñen en conta ás mariscadoras, nen aos empregados en terra, nen aos traballadores de piscifactorías…” Destacou o medre económico rexistrado en Celeiro e en Burela “por riba—dixo—de calquer lonxa galega” e destacou que o 65% do PIB galego está nos concellos costeiros de Galiza. Para a investigadora os mariñeiros galegos souberon gardar o recursos, demostraron que saben pescar e que ademais teñen capacidade empresarial e organizativa”
A interesantísima aportación da doutora García Negro provocou entre as persoas asistentes un animado coloquio que serveu de peche a este acto informativo.



29/11/13

"A IMPORTANCIA DA PESCA NA ECONOMÍA GALEGA"

A economista Mª do Carme García Negro, profesora da USC e investigadora, intervirá nun acto informativo convocado polo noso Colectivo e que terá lugar este venres, 29 de novembro, ás 20:30 horas, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.


28/11/13

David Bellas ponlle o ramo aos "Xoves Musicais"







David Bellas pecha este xoves 28  o ciclo XOVES MUSICAIS que se veu celebrando todos os xoves de novembro no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
A actuación dará comezo ás 20:30 horas e a entrada é libre até completar o aforo do local.



A profesora: Montse Expósito Cao

25/11/13

Así foi o Recital Lírico

"Unha marabilla". Esas foron as dúas palabras que empregou o presentador do acto cando, ao rematar este terceiro "xoves musical", despidiu ás persoas que encheron o salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro.
E desta marabilla, deixámosvos aquí unhas pequenas mostras.



María Jesús González Fraga

Mariví Maragoto

20/11/13

...e Plácido Travieso Fernández acompañará co piano...





Despois de ter recibido o Programa do RECITAL LÍRICO deste xoves 21, decatámonos do erro e  é agora  cando reparamos os danos ocasionados ( na nota anterior publicada aquí e nos restantes medios, esquecímonos, nada máis e nada menos!... do pianista que vai acompañar ás tres voces. Trátase do profesor do Conservarorio PLÁCIDO TRAVIESO FERNÁNDEZ. Así e con maíusculas!.
PROGRAMA


-Quella fiamma che m´accende. Benedetto Marcello.
-L´abbandono. Vincenzo Bellini.
-Caro mio ben. Giuseppe Giordani.
-Ma rendi pur contento. Vicenzo Bellini.
-Á Chloris. Reynaldo Hahn.
-Ah, non credea mirarti…La sonambula. Vicenzo Bellini.
-L´heure exquise. Reynaldo Hahn.
-Sogno. Paolo Tosti.
-Ich liebe dich. Eduard Grieg.
-Os teus ollos. Castro Chané.
-As froliñas dos toxos. Eduardo Toldrá. ( Poema de Noriega Varela )
-Canción del olvido. La canción del olvido. J. Serrano.


VOCES:

-Montse Expósito  Cao
( Profesora do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro )
-Mariví Maragoto e Mª  Jesús González Fraga
( Alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro )


PIANO:

-PLÁCIDO TRAVIESO FERNÁNDEZ
( Profesor do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro ) 

19/11/13

RECITAL LÍRICO NOS "XOVES MUSICAIS"

ARIAS E CANCIÓNS NO RECITAL LÍRICO DOS “XOVES MUSICAIS” DE PENSAMENTO E SEMENTEIRA. 

ESTE XOVES 21, A TERCEIRA ACTUACIÓN DOS “XOVES MUSICAIS” NO CONSERVATORIO.

Este xoves 21 de novembro e continuando coa programación dos “Xoves Musicais” organizados polo colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA, a profesora de canto do Conservatorio profesional de Música , Monse Expósito Cao e dúas alumnas, Mª Jesús González Fraga e Mariví Maragoto, ofrecerán un recital lírico de arias e cancións. O recital dará comezo ás 20:30 horas no salón de actos do Conservatorio de Música, onde cada xoves deste mes de novembro está programada unha actuación. Os “Xoves Musicais”, abertos pola cantautora ribadense Carme Rodríguez tiveron continuidade coa actuación do grupo de clarinetes “Sol en cuarta” que foi seguido por máis dun cento de persoas. 
A entrada é libre até completar o aforo da sala. 

Por outra banda, informamos que o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA ten programado un acto informativo coa profesora da USC e investigadora, especialista en temas pesqueiros, Mª do Carme García Negro que falará o venres 29 de novembro, ás 20:30 horas na sala da Biblioteca Municipal ( Praza Maior ) sobre “A importancia da pesca na economía galega”.

12/11/13

Un bocadiño de "SOL EN CUARTA"

Para írmonos ambientando aí vos deixamos este  bocadiño de "SOL EN CUARTA".

"SOL EN CUARTA", nos Xoves Musicais

Despois da actuación da cantautora de Ribadeo, Carme Rodríguez, continuamos co ciclo dos Xoves Musicais co Grupo "SOL EN CUARTA" do Conservatorio Profesional de Música. Será o xoves 14 de novembro ás 20:30 horas no salón de actos do centro que colabora co noso Colectivo para encher de música os catro xoves deste mes de novembro.
Alí vos agardamos.


Carme Rodríguez en concerto

Como xa vén sendo habitual, Abella Albo enviounos o vídeo que reralizou da actuación da cantautora Carme Rodríguez quen, por certo, entusiasmou ao público que encheu o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música.

04/11/13

Carmen Rodríguez abre os XOVES MUSICAIS

Carmen Rodríguez , unha extraordinaria cantautora de 17 anos, será a encargada de abrir, o vindeiro 7 de novembro, os XOVES MUSICAIS que o noso colectivo organiza en colaboración co Conservatorio Profesional de Musica de Viveiro.
Todas as actuacións deste ciclo serán no salón  do Conservatorio, na Travesia da Mariña, as 20.30 horas. A entrada  é libre até completar o aforo do local.
"Cousas", a peza que lles ofrecemos neste video, é un adianto da súa actuacion en  Viveiro.